• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

SALA MARDI GRAS. DIRECTOS XACOBEO’21. VOL.11

SALA MARDI GRAS. DIRECTOS XACOBEO’21. VOL.11
24 XULLO 2021

¡Nova entrega de Directos Xacobeo’21, e na Coruña! Lembrade que as actuacións están divididas en capítulos (un por canción). Deste xeito, resulta máis sinxelo tanto acceder a calquera parte da gravación como saber exactamente que tema escoitamos en cada momento con só botarlle unha ollada á barra de progreso. Alén diso, no propio vídeo, aparece un rótulo co título ao comezo de cada tema.

 

Sala Mardi Gras (A Coruña)

Inaugurada en 1999 coa firme determinación de «rememorar o espírito cabaleiresco dos garitos lendarios de Nova Orleáns», a sala Mardi Gras logrou converterse en historia viva do panorama musical da Coruña. A súa vibrante personalidade e unha imaxe moi ben definida atraen aos amantes do bo blues, country e rock á Travesía da Torre onde levan acollido máis de 2.300 actuacións. Pero a Mardi non pecha a porta a ningún outro estilo, xa que cre que todos os públicos deberían ter o seu momento, e é que calquera que estea dando os seus primeiros pasos no mundo da música sabe que debe pisar o seu escenario, como xa fixeron grandes grupos do talle de The Handsome Family ou The Yayhoos.

 

Dirección: Travesía Torre, 8, 15002 A Coruña (A Coruña)

Web: http://salamardigras.com/

 

 

 

Pauliña

Perfil en galiciantunes | Entrevista en galiciantunes

Natural de Cambados, Paula Chaves comezou a súa carreira colaborando con figuras do rock como Vituco Neira ou Rebeliom do Inframundo, ata que decidiu rodearse dunha excelente banda composta por Francisco Montoto (teclados), Iago Jorge (batería), Julián Gullón (guitarra), Lolo Arincón (baixo) e Santi Cerviño (harmónica). Na súa música gusta de mesturar sons country, rock e blues, letras íntimas e dunha fermosa profundidade que, combinadas cos seus demoledores directos, fixeron que as críticas de público e medios se rendisen ante a súa música. No seu último traballo, Testemuñas (Xonix Records, 2021), atopámonos cunha Pauliña que pecha unha etapa cargada de cambios, ganas, emoción e moito traballo.

 

 

Paul Álvarez Project

Perfil en galiciantunes

Singularidade pode ser a palabra que defina o que ten entre mans Paul Álvarez (guitarra), quen capitanea este proxecto musical que transita os camiños da música flamenca adoptando tinturas do mellor do rock clásico. Xunto con Bruno Couceiro (batería) Iago Mouriño (piano), Marian Ledesma (voz) e Pablo Pérez (baixo), presenta esta proposta que deixa translucir un son que transcende alén das propostas musicais tradicionais. Polo de agora, publicaron un álbum, Podría ser… (2013), composto por pinceladas de rock progresivo, blues, jazz e flamenco, toda unha mestura chea de inquedanza creativaque Paul logra encaixar á perfección nos seus directos.

 

 

Superfuzz

Este power trío galego está formado por Andrés Saavedra (baixo, coros), Javier Insua (voz,  guitarra) e Juan Folla (batería, coros), quen proclaman: rock, enerxía e actitude… pero de verdade! Pouca broma. O enérxico trío posúe influencias de grupos británicos de pop rock dos anos 60 (Beatles, The Who) mesturado cun son máis garage, acadando uns directos potentes, a súa mellor arma. Superfuzz realizou o seu debut discográfico en 2020, cun LP de título homónimo.

 

 

Carla Green & The Demons

Carla Green leva a voz deste grupo formado en Santiago de Compostela no verán de 2016, que chegou para facernos mover o corpo ao son dunha magnífica recompilación dos mellores temas do soul dos 60 e 70. Os demons que acompañan a Carla teñen unha dilatada traxectoria musical dentro do blues, swing ou o jazz: David Tato (guitarra), Fran Sanz (baixo), Martinou Matorral (saxo, tenor e barítono), Jose Luís Miranda (trombón) e Lar Legido (batería). Xa participaron nas Festas da Ascensión en Santiago de Compostela e noutros festivais non exclusivos da música negra como, por exemplo, o Armadiña Rock.

 

 

  noticias